Saturday 04 de May de 2024

Sánchez Bugallo lembra que o PP está representado no Concello por oito edís, e que as relacións coa Xunta “lévanse no ámbito institucional e sen intermediarios”


O alcalde responde a Verea: “calquera elemento que queira trasladar ten un mecanismo axeitado, que é o Pleno, o órgano de acción do Goberno, non é a través de indirectas, nin da prensa, nin xiquera a través do Parlamento”.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, respondeu hoxe á solicitude de entrevista de Borja Verea, publicada nos medios de comunicación, para analizar “temas urxentes”. O rexedor lembroulle que o Partido Popular está representado no Concello por 8 concelleiros, é que “calquera elemento que queira trasladar ten un mecanismo axeitado, que é o Pleno da Corporación”, o órgano de acción do Goberno, “non é a través de indirectas, nin a través da prensa, nin xiquera a través do Parlamento. Tamén foi contundente ao sinalar que as “relacións do Concello coa Xunta de Galicia lévanse no ámbito institucional e sen intermediarios”.

Sánchez Bugallo sinalou que recibiu hoxe o documento coa solicitude de entrevista, despois de aparecer publicado esta fin de semana nos medios de comunicación. Aclarou que “na carta non se menciona ningún asunto a tratar”, para a continuación engadir que “non sei se o procedemento habitual de informar dos asuntos a tratar é a través da prensa, a min paréceme que non”. E puxo como exemplo a reunión que el mesmo ten solicitado co titular do executivo galego: “mesmo nunha entrevista recente para un medio de comunicación manifestei que non me parecía correcto informar ao presidente da Xunta dos temas a tratar a través dunha nota de prensa”. “Quero pensar”, continúa, que esta forma de actuar “é froito da inexperiencia”. “Eu espero que estes temas se corrixan. Se non simplemente me dou por enterado e a entrevista non ten utilidade práctica ningunha”.

Sánchez Bugallo recordoulle a Verea que co presidente da Xunta ten “ unha relación fluida e con confianza mútua desde hai moitos anos. E así debe seguir e así seguirá”. “E isto non quere dicir que non exista visión diferente sobre distintos temas”, continuou, como por exemplo o aparcamento do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Un debate que, lembrou, leva 15 anos enriba da mesa. Un “debate que non ser resolveu cun goberno de maioría absoluta do PP, nin co de Compostela Aberta; e que esperemos se poida resolver nun futuro próximo”.

Aparcamento CHUS

Sánchez Bugallo reiterou que “desde o Concello de Santiago actuamos con absoluta lealdade institucional e prevalencia do interese xeral. Así o fixemos no momento en que aprobamos a declaración de interese xeral de ampliación do CHUS. Así o faremos cando se nos pida a declaración de interese xeral para a construción do Centro de Propoterapia. Pero iso non é contraditorio con que plantexemos que se lle dea unha solución ao tema do aparcamento como se lle está a dar na Coruña ou Pontevedra, por por dous exemplos doutros centros hospitalarios de titularidade autonómica”, subliñou. .

“O concello evidentemente exercerá as súas competencias en materia de regulación de tráfico fóra do recinto, porque dentro é a administración propietaria a que o ten que facer”, engadiu, como se está a facer na Cidade da Cultural, ou nos edificios administrativos da Xunta en San Lázaro. “Así o fixemos sempre e o seguiremos facendo, sempre desde unha posición de lealdade institucional e de colaboración, que é o que motiva que lle ofrezamos unha parcela municipal, á unica que temos nas inmediacións dispoñible, porque non hai terreos probablemente no propio recinto para a construción dun aparcadoiro público”.